“O asociacionismo forestal vai lento cos instrumentos que hai, deberían revisarse os incentivos existentes”
A atomización e o minifundismo da propiedade do monte en Galicia condicionan o seu aproveitamento produtivo, social e ambiental. Analizamos os motivos da pouca implantación das distintas figuras de xestión en común e algunhas medidas para avanzar neste camiño

As xornadas O Monte do Século XXI analizan estes días en Lugo a situación actual dos montes en Galicia, o novo Plan Forestal e o estado dos montes veciñais en man común, facendo fincapé nas enormes posibilidades que o patrimonio forestal da nosa comunidade ofrece.

Pero os distintos expertos participantes están a poñer sobre a mesa tamén os atrancos históricos que en Galicia se dan para unha xestión máis eficiente e multifuncional do monte e que figuras específicas de aproveitamento colectivo, como as SOFOR, non foron quen de superar. Profundizamos nesta cuestión coa axuda de Santiago Fraga e José Ramón Pedreira.

O 99% dos montes galegos son de propiedade privada, tanto individual como colectiva (Galicia conta con figuras xenuinas como son os montes veciñais en man común), o que dificulta a ordenación e xestión forestal por parte da Administración pública, que moitas veces ten feito deixación das súas funcións en materia lexislativa (e de vixiancia do seu cumprimento) para tratar de regular os usos do monte, o seu aproveitamento e as especies nel plantadas.

En Galicia hai uns 670.000 propietarios forestais, que posúen unha superficie media inferior a dúas hectáreas repartidas en varias parcelas e o 80% delas ten menos de media hectárea. Ademais, só o 3% dos propietarios forestais existentes en Galicia está asociado e 8 de cada 10 non manteñen outra actividade agraria.

En Galicia hai uns 670.000 propietarios forestais. Só o 3% está asociado e 8 de cada 10 non manteñen outra actividade agraria

Segundo os datos da Consellería do Medio Rural, das 2.000.000 de hectáreas forestais de Galicia (que representan o 70% do territorio total da nosa comunidade) un 66% está en mans de particulares, un 33% son CMVMC e só o 1% son de propiedade pública. En España, pola contra, existen unhas 10.000.000 ha de montes públicos fronte a 18.000.000 ha de montes privados, das que 2.000.000 ha son veciñais en man común e montes de distintos socios ou comunidades de propietarios.

Constituídas tan só 22 SOFOR en 10 anos

Neste momento están constituídas en Galicia 14 Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) con aprobación definitiva, máis 8 que se atopan pendentes de inscrición definitiva, sumando conxuntamente as 22 un total 4.370 hectáreas de superficie xestionada, pertencentes a un milleiro de socios propietarios que aportan máis de 12.000 parcelas de monte.

“O asociacionismo forestal vai lento cos instrumentos que hai. As SOFOR poden ser idoneas sobre todo para un perfil de grandes produtores, que se verían favorecidos na venda de madeira e desde o punto de vista fiscal. Pero é un perfil de propietario que abunda pouco en Galicia, e só pola dobre imposición é unha figura que non encaixa para propietarios pequenos. Levamos constituídas arredor de 20 SOFOR nunha década, é moito tempo para uns resultados tan pequenos”, recoñece José Ramón Pedreira, xefe de sección no Servizo de Infraestruturas Agrarias de Lugo. “Algo pasa para que non prenda o asociacionismo forestal, porque potencial hai, pero os incentivos non son os suficientes ou os adecuados. E debería facerse unha revisión nese aspecto”, di.

Os incentivos actuais son insuficientes para o fomento do asociacionismo e do liderado. Levamos constituídas 20 SOFOR nunha década, é moito tempo para uns resultados tan pequenos

“As figuras de agrupación da propiedade necesitan un impulso, que a Administración reoriente esas figuras impoñendo unha planificación máis organizada de moitos montes, para que iso non sexa algo voluntario”, concorda tamén o seu compañeiro Santiago Fraga, membro da área técnica do Servizo de Montes de Lugo.

“Necesítanse vías de saca e infraestruturas defensivas contra o lume. Cunha propiedade atomizada iso é imposible. Igual que a plantacioón de franxas de frondosas para que o monte cumpra obxectivos múltiples. Iso é máis doado logralo nunha superficie de 300 hectareas que nunha de 5 hectáreas”, argumenta Santiago.

As figuras de agrupación da propiedade necesitan un impulso, que a Administración reoriente esas figuras impoñendo unha planificación máis organizada de moitos montes, para que iso non sexa algo voluntario

Hai factores condicionantes que xogan en contra do desenvolvemento asociativo, como son o avellentamento da poboación, o abandono do medio rural e a desconexión da sociedade rural e urbana e que constitúen un escenario social desfavorable. Moitas veces ademais, existen intereses contrapostos entre a poboación urbana e a rural e entre poboación agraria e non agraria que vive no medio rural e mesmo entre agricultores, gandeiros e silvicultores.

Para José Ramón, é necesario aplicar un modelo de desenvolvemento integrado para o medio rural que inclúa aos sectores produtores agrogandeiro e forestal, ás súas respectivas industrias transformadoras e mesmo a outros actores como son o turismo rural ou a artesanía para evitar o desmoronamento do mundo rural. Tamén outorga unha importancia clave a contar con estruturas tecnolóxicas axeitadas e á posta en marcha dun sistema de formación e información proactivo ao estilo do antigo Servizo de Extensión Agraria, exemplifica.

“É bastante común que a inmensa maioría da xente e dos propietarios descoñeza o que é o asociacionismo agrario, teñen algunhas referencias sobre as actuais cooperativas agrogandeiras existentes pero non é un tema de coñecemento profundo da nosa sociedade porque non forma parte tampouco de ningún curriculum”, asegura.

Séguese dividindo o monte

O individualismo segue a ser a día de hoxe o modo de explotación máis habitual dos montes particulares en Galicia, cunha atomización da propiedade que, lonxe de reverterse, segue a producirse herdanza tras herdanza. “A realidade a día de hoxe é que se seguen dividindo os montes, algo que no tema agrario parece que está superado, pois penso que a ningún labrego ou gandeiro se lle ocorre dividir as fincas que ten, porque sabe que é contraproducente, e a tendencia é a concentrar, pero nos montes non está ocorrendo iso. No caso dos montes, o interese dos propietarios segue a ser a día de hoxe o de dividilos. A miña explicación é que, con todo e malia o minifundio existente, hai aínda unha resposta económica interesante que fai que o monte se divida, porque a produtividade tan elevada que temos nos nosos montes fai que tampoco penalice excesivamente o tamaño das parcelas, porque aínda segue sendo moi rendible poñer eucaliptos, por exemplo, nunha pequena propiedade que está abandonada”, argumenta Santiago.

O eucalipto está dando unha resposta ao modelo de propiedade minifundista que temos e que non está penalizando o suficiente como para animar aos propietarios á xestión conxunta

As propiedades particulares atomizadas representan dous terzos da masa forestal galega e, aínda así, “este modelo de propiedade está producindo madeira a día de hoxe”, evidencia, xa que “o eucalipto está dando unha resposta a esta propiedade de pequeno tamaño”, di. “En parte temos o que temos porque temos unha estrutura de propiedade que non dá para outra cousa, porque tal como temos a propiedade é imposible plantar frondosas de ciclo longo a 60-70 anos. Hai unhas especies, o piñeiro radiata no seu momento e hoxe o eucalipto, que dan resposta a este modelo de propiedade minifundista, que non esta penalizando suficientemente como para animar aos propietarios á xestión conxunta, outra cousa é que non esteamos optimizando a produción”, razoa.

“A existencia dun minifundio no sistema de propiedade forestal con baixo nivel de artellamento cooperativo, condiciona a constitución de explotacións de tamaño suficiente para facelas técnica e economicamente viables, xerando rendas mínimas ou nulas en períodos de retorno excesivamente longos. Isto favorece o abandono”, argumenta Santiago.

Ademáis da división dos montes particulares, pon o foco tamén na parcelación que se está a dar en moitos casos nos montes de varas. Malia que non existe, por non estar aínda constituído, un Rexistro de Montes de Varas, Abertais, de Voces, de Vocerío ou de Fabeo, estas figuras de propiedade colectiva suman un total de 27 montes (21 deles na comarca lucense da Fonsagrada e Os Ancares), cunha superficie total de 7.837 hectáreas.

“Nos montes froito de convenios coa Administración que se están a desconveniar debería ser obrigatorio constituír unha SOFOR para evitar que se perda a xestión conxunta e se partan os montes, que na realidade é o que está pasando en moitos casos aínda que legalmente non estea permitido”, alerta este técnico do Servizo de Montes.

Avanzar cara o valor multifuncional do monte

A CMVMC Monte Xalo, na Coruña, está apostando nos últimos anos pola diversificación de usos
A CMVMC Monte Xalo, na Coruña, está apostando nos últimos anos pola diversificación de usos

O valor do monte, e por tanto tamén o valor da propiedade forestal foi mudando até chegar aos nosos días. “Historicamente os montes ou terreos forestais constituíron unha parte fundamental da economía, cultura e paisaxe galegas (leñas, pastos, carbón, caza, madeira, etc). Na actualidade temos que engadir un crecente valor deste tipo de terreos en canto fornecedores de recursos ambientais básicos”, defende Santiago, que avoga por cambiar o paradigma produtivista actual e conseguir un equilibrio entre produción, conservación e externalidades sociais a través da ordenación forestal.

O Plan Forestal Galego, vixente até 2032, establece, de feito, un esquema de monte centrado na multiplicidade. Así pois, ás funcións económicas do monte como espazo xerador de bens e materias primas (madeira, leña, cortiza, resina, biomasa), engadiríanse a súa función social (asentamento e fixación de poboación rural, xeración de emprego, usos recreativos e de ocio) e ambiental (mantemento da biodiversidade e salvagarda do resto de especies de flora e fauna, conservación da paisaxe, freo aos procesos de desertificación, regulación do ciclo hidrolóxico, fixación de carbono).

“A día de hoxe estase buscando un obxectivo meramente económico coa explotación forestal, non hai unha busca equilibrada da multiplicidade social, ambiental e económica do monte. Está claro que ter superficie arborada que non arde é sempre mellor que tela desarborada, pero non é o óptimo, e aínda cunha estrutura de propiedade moi precaria estamos solventando o aspecto económico, aínda que sexa moi mellorable, pero temos que apostar por un monte máis diverso porque o monocultivo exclusivo de eucalipto en zonas costeiras moi amplas, as cortas á feito cada 15 anos e o movemento de solo que se produce é unha pobreza ambiental. Falta entrar aí, nos aspectos sociais e ambientais do monte e que non sexa a produción económica a que condicione a planificación forestal”, defende.

Agrupar ten que servir para obter mellores multiplicidades do monte compensando equitativamente aos propietarios polas posibles perdas de rendas económicas que podería xerar ter que plantar frondosas nunha parte

A realidade, di, é que “o mercado non valora os beneficios sociais e ambientais do monte porque son externalidades, por iso é onde as figuras públicas teñen que incidir. Aí é onde está o reto e o futuro”, considera, porque “en superficies pequenas é máis complexo atender eses tres factores (social, ambiental e económico) pero en montes grandes é máis doado de lograr”, considera.

“As figuras de agrupamento e de distribución de rendas entre os propietarios compensaría que nunha parte do monte se tiveran que plantar frondosas porque se daría un reparto equitativo das necesidades e rendas para aumentar o valor social e ambiental dos montes. Agrupar ten que servir para obter mellores multiplicidades do monte, cando se dá un uso compartido e unha xestión conxunta é máis doado que o monte non teña só unha visión económica. Falta un empurrón a través de políticas públicas que forcen a iso, e pódese facer de moitas maneiras, primando fiscalmente ou mesmo penalizando ao que non o faga”, propón.

Modificar a fiscalidade do monte

As Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR), as Sociedades Civís e as Comunidades de Bens son tres das figuras xurídicas contempladas a lexislación estatal e autonómica que poderían amparar unha xestión conxunta do monte desde o punto de vista legal e fiscal, aínda que tanto Santiago como José Ramón consideran que “a lexislación está coxa, xa que non hai unha fiscalidade específica para o monte”, din.

“Os montes teñen un valor ambiental e social, non só económico, pero a fiscalidade non mima todas esas externalidades que ten o monte. Iso non está axudando para que a xestión conxunta da propiedade privada forestal sexa o porvir”, considera Santiago.

Pero é consciente de “no tema impositivo a fiscalidade depende maioritariamente do Estado, porque o gordo do IRPF e do Imposto de Sociedades depende do Estado, ti podes actuar no tramo autonómico do IRPF pero é pequeno, e no de Sociedades non tes nada que facer. A única solución sería a creación dun imposto novo a nivel autonómico”, propón.

Os mercados de dereitos de plantación poderían servir para reequilibrar as rendas que obteñen os propietarios de bosques de frondosas coas que logran os propietarios de parcelas con especies de crecemento rápido

“Os mercados de dereitos paréceme unha solución moi interesante para lograr dalgún xeito que se compense a propietarios cuxos montes teñen unhas externalidades enormes e que neste momento non están recibindo nada por eles, para que ese beneficio social ou ambiental que eses montes están producindo xeren tamén un valor de mercado para os seus propietarios”, defende.

Aínda que é partidario de “compensar en cada distrito para que todas as comarcas xeoforestais teñan multiplicidade no monte”, a compra de dereitos de plantación en materia de biodiversidade, ao igual que xa acontece cos dereitos de emisións de carbono noutros sectores como o industrial, poderían servir para reequilibrar os beneficios económicos que xera actualmente a plantación de especies de crecemento rápido como o eucalipto en comarcas costeiras de Galicia, como A Mariña ou Ferrolterra, cos beneficios medioambientais que reportan os bosques de frondosas en soutos e carballeiras de comarcas de montaña ou do interior, como é o caso dos Ancares ou o Courel.

Hai que mimar que o propietario siga gañando cartos para que siga investindo no monte, os cambios hai que facelos con coidado para non disuadir e acabar no abandono

Con todo, móstrase partidario de aplicar este tipo de medidas con cautela, xa que “nun territorio onde o 99% do monte está en mans privadas é máis difícil levar a cabo políticas públicas e hai que mimar que o propietario siga gañando cartos para que siga investindo no monte, polo que estas cousas teñen que facerse con coidado para non disuadir e acabar no abandono, pois hoxe moitos propietarios forestais son herdeiros que non viven ou dependen do monte e ese risco é real”, admite Santiago.

Planificación deficiente por parte da Administración

Aínda que a Lei Básica de Montes estatal (Ley 43/2003) só obriga á ordenación dos montes de utilidade pública e montes protectores (artigo 33), a lexislación específica galega obriga a dispor de instrumentos de ordenación ou de xestión forestal a todos os montes ou terreos forestais en función da súa dimensión.

Esta obriga vincula tanto aos propietarios forestais como á propia Administración publica. Os Plans de Ordenación de Recursos Forestais (PORF) créanse por medio da Lei Básica de Montes estatal (Ley 43/2003) e debe elaboralos a Xunta de Galicia. Trataríase de instrumentos de planificación forestal como unha ferramenta máis de ordenación territorial, nos que se deberían definir os terreos forestais existentes en cada un dos 19 Distritos Forestais nos que se divide o territorio galego e establecer espacialmente os modelos selvícolas, determinando unha zonificación de usos e de vocación dos distintos terreos, podendo fixar mesmo limitacións e prohibicións de plantacións de determinadas especies.

A primeira eiva a nivel de planificación forestal é a falta xeral dos PORF. “Non se fixo nin o primeiro despois de máis de 15 anos, para establecer por distritos forestais que especies se poden plantar e cales non e dicirlle ao propietario aquí podes plantar isto e non podes plantar isto outro e que iso non sexa en detrimento do propietario, porque os que teñan que plantar especies non tan rendibles reciban unha compensación aparte, de maneira que o que plante eucaliptos teña que mercar dereitos de biodiversidade, é dicir, metros cadrados de frondosas a quen as ten plantadas”, explica Santiago.

Proxectos de Ordenación

O seguinte chanzo tralos PORF, que ten que elaborar a Xunta, serían os Proxectos de Ordenación Forestal, que están obrigados a elaborar os propietarios de montes. Regulados polo Decreto 52/2014, de 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e xestión de montes de Galicia; e pola Orde do 19 de maio de 2014 pola que se establecen os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas forestais para os distritos forestais de Galicia, son documentos que recollen a caracterización do medio forestal así como unha síntese da organización e dos aproveitamentos que se van realizar ao longo do tempo nun determinado espazo. Son obrigatorios para montes ou superficies forestais superiores a 25 ha en couto redondo, así como montes públicos, protectores ou de xestión pública e o prazo máximo para estaren elaborados é o 31 de decembro de 2028.

As superficies forestais superiores a 25 hectáreas en couto redondo deben ter Proxectos de Ordenación aprobados antes do 2029

Ademais dos datos básicos do monte e da descrición de aspectos como a orografía, a climatoloxía ou a edafoloxía da zona, os Proxectos de Ordenación deben recoller aspectos como a rede viaria forestal e outras infraestruturas de prevención e defensa contra incendios, o inventario de recursos forestais como o número de pés por especies e idades, así como a planificación forestal e de aproveitamentos que se van facer dese monte.

Pero o retraso na súa elaboración e aprobación é notable. Segundo os datos do Anuario Forestal de Galicia, no Rexistro de Montes Ordenados da Xunta de Galicia figuran 811 montes con proxectos de ordenación aprobados, que abranguen unha superficie total de 233.139 hectáreas, o que representa pouco máis do 10% do territorio forestal galego.

A maior parte destes montes xa ordenados corresponden a CMVMC (81% do total de montes e 88% da superficie) e as provincias con maior porcentaxe de montes con proxecto de ordenación son Lugo (36%) e Pontevedra (25%). Outros 18 montes, cunha superficie total de 246 hectáreas, figuran no rexistro baixo a tipoloxía denominada Documentos Simples de Xestión (DSX), pensados para superficies inferiores a 25 hectáreas.

Vantaxes e desvantaxes das distintas fórmulas para a xestión conxunta máis alá das SOFOR
Monte da Sofor Vilar de Frades
Monte da Sofor Vilar de Frades, constituída por 24 propietarios da parroquia de Ouselle, en Becerreá

Un pequeno repaso polo acervo asociativo e polas dinámicas de traballo en común no ámbito forestal pode servir para abrir o abano de posibilidades de traballo en conxunto para a xestión de montes máis alá das SOFOR, sucesoras das UXFOR, dúas figuras creadas especificamente en Galicia para a concentración no ámbito forestal.

O xefe de sección no Servizo de Infraestruturas Agrarias de Lugo propón distintas fórmulas, como a creación de seccións forestais dentro das cooperativas agrogandeiras existentes na actualidade nas principais comarcas produtoras de Galicia, unha posibilidade amparada pola Lei de Cooperativas de Galicia.

Ademais das SOFOR, creadas especificamente para a agrupación forestal, terían cabida para a xestión conxunta de montes as seccións forestais das cooperativas agrarias ou mesmo as SAT

“É un campo sen explorar nin explotar, o potencial é enorme e serviría para a diversificación das cooperativas agrarias que temos. O feito de contar con cooperativas agrarias fortes facilitaría enormemente o seu arranque, xa que as cooperativas agrarias están amplamente implantadas no territorio e poderían aproveitar as sinerxias con outras actividades, pois contan xa con recursos humanos técnicos e administrativos así como con maquinaria e equipamentos polivalentes, e están capitalizadas, que é un dos problemas para a constitución desde cero de cooperativas con finalidade unicamente forestal”, explica José Ramón.

Na maioría dos casos, os socios das cooperativas agrarias contan con fincas agrarias pero posúen tamén parcelas forestais. “A potencialidade é enorme. Falouse dese tema en Agaca nalgunha ocasión e mesmo se chegou a valorar, pero falta valentía, porque require unha estrutura e habería unha dependencia patrimonial e de funcionamento que asusta aos xestores das cooperativas agrarias actuais”, recoñece.

Das 350 cooperativas existentes en Galicia, tan só dúas teñen finalidade específica forestal. A creación de seccións forestais é un campo sen explorar nin explotar, pero o potencial é enorme e serviría para a diversificación das cooperativas agrarias que temos

Existe tamén en Galicia xa algún caso de cooperativas de carácter forestal especificamente, en concreto dúas, creadas no 2013 e no 2015, que serían Promariña e Promagal, vinculada á asociación de propietarios forestais do mesmo nome, centrada na produción de madeira de eucalipto nas comarcas da Mariña e Ortegal, pero cun nivel de actividade moi limitado neste momento. “Non arrincaron porque o nivel de capitalización dunha cooperativa recén creada non permite facer case nada e os incentivos son case nulos se non é pola vía da creación dunha SOFOR. Non só é constituir, logo o proxecto empresarial hai que traballalo a fondo”, indica José Ramón.

O asociacionismo forestal na actualidade pasa por outras figuras existentes, como as Cooperativas de Traballo Asociado (existen 16 con actividade forestal en Galicia, das que dúas son de recollida de froitos silvestres) ou as Cooperativas de Servizos, como a Cooperativa de Rematantes de Pontevedra. Existen tamén 49 Cooperativas de Explotación Comunitaria da Terra e terían cabida as Sociedades Agrarias de Transformación con finalidade prioritaria forestal, como a SAT Montes de Trabada, “un exemplo brillante”, en opinión do xefe de sección do Servizo de Infraestruturas Agrarias de Lugo.

Figuras como as SOFOR non acaban de xeralizarse e outro tipo de posibilidades asociativas son descoñecidas e non contan con incentivos fiscais de ningún tipo

En opinión de José Ramón Pedreira “falta en Galicia unha figura a maiores que sería o recoñecemento dunha Agrupación Forestal Prioritaria ao estilo das Asociacións de Produtores Agrarios, as Organizacións de Produtres de Froitas e Hortalizas ou as Organizacións de Productores de Leite, que non teñen en conta a figura base que teñen os asociados, senón as condicións de mercado, porque o funcionamento asociativo depende máis do modo en que se xestione que da figura en si. É algo que non está maduro no ámbito forestal, mentres que no agrario si que o está”, compara.

Principais diferenzas con respecto ás SOFOR

As Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) son unha fórmula específica de agrupación de propiedade forestal para a xestión conxunta, creadas mediante o Decreto 45/2011, de 10 de marzo, que regula o fomento das agrupacións de propietarios forestais (DOG núm. 58 de 23-3-2011). A diferencia do resto de fórmulas de asociacionismo forestal, onde cada socio ten un voto, nas SOFOR o criterio para a toma de decisións é o do capital achegado, dado que se trata dunha sociedade de capital que debe constituírse exclusivamente baixo a forma de Sociedade Limitada.

En canto ás características constitutivas dunha SOFOR, exíxese que a sociedade que se cree deberá xestionar unha superficie mínima de 15 ha para plantacións forestais de froito, 25 ha para plantacións ou masas preexistentes de frondosas autóctonas e 50 ha para o resto de plantacións ou aproveitamentos forestais. Todas as SOFOR deberán dispor dun instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración forestal, actualmente a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

Nas SOFOR o criterio para a toma de decisións é o do capital achegado por cada membro; no resto das fórmulas de asociacionismo, como cooperativas ou comunidades de montes, cada socio ten un voto

Exíxese ademais que as superficies xestionadas polas SOFOR estén formadas por un máximo de 3 unidades de superficie en couto redondo, cunha superficie mínima de cada unha delas equivalente ao 25% da superficie total. As unidades de superficie en couto redondo poderán conter até un 30% de superficies de encravados e as unidades de superficie estarán no mesmo concello ou en concellos limítrofes.

As participacións na SOFOR de cada un dos socios non poderán superar un terzo do total de participacións da sociedade, agás que fose a Comunidade Autónoma de Galicia, Entidades Locais ou Sociedades Públicas, podendo nestes casos chegar até o 49% do capital.

Existen, pois, dous tipos de socios: os que achegan dereitos cedidos de usos sobre propiedades forestais, os denominados “clase forestal” e os que achegan só capital, denominados “clase xeral”, e cuxa contía debe ser inferior ao 50% do capital total. A cesión do dereito de uso e aproveitamento dos predios non poderá ser inferior a 25 anos e para a disolución da SOFOR precísase unha maioría cualificada que represente ao 85% da superficie forestal.

Nas SOFOR existe a posibilidade de incluír socios capitalistas cunha aportación inferior ao 50% do capital total da sociedade, que debe constituirse obrigatoriamente como unha SL

Malia que axisten axudas para a súa constitución e teñen preferencia no acceso a fondos públicos forestais, a dobre tributación é un impedimento para a proliferación das SOFOR, xa que se trata dunha sociedade de capitais na que se paga polos beneficios que obtén a propia sociedade e polos dividendos que despois corresponden a cada socio.

“A complexidade na constitución e na xestión das SOFOR está sendo disuasoria para propietarios pequenos, porque implica unha tecnificación. Se a administración apretara sería distinto, pero hoxe o particular non ten necesidade de meterse nese lío e pensa para que me vou complicar nunha organización compartida da propiedade cando eu podo decidir e facer o que quero co meu monte. De feito, a SOFOR é unha fórmula que só se está plantexando a día de hoxe en montes moi produtivos, que xa viñan dunha xestión conxunta ou que poden ir obtendo rendas de xeito inmediato porque xa están plantados e próximos ao ciclo de corta”, considera Santiago Fraga.

As Sociedades Civís e as Comunidades de Bens son outras fórmulas máis sinxelas que se poden empregar para a xestión de montes en conxunto

Outra fórmula para a xestión conxunta de montes serían as Sociedades Civís, máis sinxelas que as SOFOR de constituír e que fiscalmente teñen un réxime semellante, xa que as dúas pagan Imposto de Sociedades. Existe tamén a alternativa das Sociedades de Bens, pero só serven para propiedades en proindiviso, como pode ser o monte abertal. Nas Sociedades de Bens a personalidade xurídica é de cada un dos membros e o reparto dos beneficios tamén. A única desvantaxe é que a responsabilidade tamén é directa e ilimitada de cada un dos membros e non da sociedade de capitais, como ocorre nos outros casos.